Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Noia convoca as axudas para o servizo de comedor e a compra de libros e material didáctico no curso 2018-2019


O Concello de Noia destinará 38.500 euros a estas axudas, dirixidas a educación infantil e primaria e que poderán solicitarse no Rexistro Xeral durante o prazo dun mes

O Concello de Noia destinará 38.500 euros ás axudas para adquisición de libros de texto e material didáctico e para o financiamento do servizo de comedor escolar para educación infantil e primaria durante o curso académico 2018-2019. Unha convocatoria cuxas bases foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia, polo que a partir de mañá, 10 de maio, ábrese un prazo dun mes para a presentación de solicitudes no Rexistro Xeral do Concello.

Para poder acceder a estas axudas é preciso que todos os membros da unidade familiar estean empadroados no Concello de Noia cun mínimo de 6 meses de antigüidade, ter algún fillo/a matriculado nun curso de educación infantil ou primaria nun centro público ou concertado no termo municipal noiés para o curso 2018-2019 e non superar os ingresos brutos per cápita da unidade familiar o salario mínimo interprofesional (10.302,60 euros/ano).

Contía das axudas

A tramitación das axudas realizarase en dúas modalidades: ordinaria (as de carácter xeral) e extraordinaria (no caso de que a unidade familiar alegue carecer de recursos ou concorra unha situación de especial necesidade que afecte á familia), tendo en todo caso preferencia a extraordinaria á hora da cuantificación da axuda.

Na modalidade ordinaria, as axudas para a adquisición de libros ou material escolar oscilarán entre os 30 e os 60 euros; mentres que as axudas para comedor serán de entre 30 e 70 euros ao mes (agás os meses de setembro e xuño, no que o importe ascenderá ao 70% do concedido). No caso da modalidade extraordinaria, as axudas para a adquisición de libros ou material escolar serán de 70 euros; mentres que no caso do comedor será do 100% do custe do servizo, segundo a información subministrada por cada colexio.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Concello no prazo dun mes, a contar dende mañá xoves 10 de maio. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación: fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar ou fotocopia do libro de familia, acreditación documental de situacións familiares especiais (desemprego do sustentador principal, orfandade, divorcio, vítima de violencia de xénero…), acreditación da capacidade económica (fotocopia da declaración da Renda ou, no caso de non estar obrigado, certificación da AEAT) e, nos casos de separación ou divorcio, haberá que achegar sentenza ou convenio no que conste a pensión compensatoria ou por alimentos determinada.